miércoles, 11 de abril de 2012

Ribadeo no cine: OS MORTOS VAN Á PRÉSA

Se hai unha película que non pode faltar ao falar da relación entre Ribadeo e o cine, esa é Os mortos van á présa, dirixida por Ángel de la Cruz.



SINOPSE: Os mortos van á présa (Ángel de la Cruz, 2008)
Irene, interpretada por Neus Asensi, é unha camioneira dunha empresa de transporte de peixe e marisco, que chega a Fariño do Mar coa intención de adquirir mercadorías. 
Por desgraza, o seu camión queda atascado sobre unha estreita ponte no interior da pequena vila, impedindo o paso cara ao cemiterio, xusto o día en que os fariñenses van dar o seu último adeus a Cándido Bouzas, un vello mariñeiro.
O suceso apraza as honras fúnebres e o féretro co corpo do defunto é trasladado de novo á súa casa, onde será velado indefinidamente…

TRAILER:


Fotogramas da película

RIBADEO EN OS MORTOS VAN Á PRÉSA
Ribadeo está presente ao longo de toda a película:

Localizacións:
Os mortos van á presa ten lugar en Fariño do Mar, nome ficticio de Rinlo, que é onde se rodou a maior parte do filme. Algunhas partes da película tamén se gravaron en puntos de Ribadeo e da Devesa.
Entre os lugares máis recoñecibles que aparecen, atópanse a Illa Pancha, a praia das Catedrais e o cemiterio da Devesa, ademais das rúas, a ponte, as cetáreas, a igrexa, un bar e casas de Rinlo.


Bar de Rinlo que foi reconstruido para o filme
Cemiterio da Devesa

Extras:
A maioría dos extras que saen na película son veciños de Ribadeo que decidiron participar no proxecto. Incluso o actual alcalde da vila e o seu antecesor se animaron a interpretar un pequeno papel como curas.
Deste xeito tiveron a ocasión de coñecer ao elenco da película, formado por grandes actores do audiovisual galego, como son Chete Lera, Belén Constenla, María Castro, Manuel Manquiña, Pico, Morris, Sergio Bermúdez, Berta Ojea, Ernesto Chao, Antonio Mourelos, Estibaliz Veiga e Gonzalo Uriarte, entre outros moitos.


Fernando Suárez e Balbino Pérez Vacas, entre outros, caracterizados de curas

Banda sonora:
A banda sonora da película está composta por Arturo Kress e interpretada pola Banda Municipal de Música de Ribadeo. Ademais, os seus compoñentes aparecen nun pasarrúas nun momento do filme.


A Banda na gravación da BSO

Colaboración dos veciños:
Non hai que olvidar que a colaboración dos veciños de Rinlo foi fundamental para que se puidese levar a cabo a rodaxe e foron moitos os que permitiron que as súas casas e negocios se transformasen para a película.
Aínda hoxe se poden ver en Rinlo obxectos que formaron parte do atrezzo do filme, como por exemplo un cartel que se ve de fondo na comisaría de Fariño do Mar e que actualmente está colgado no bar Portillo.


Cartel que se pode ver no bar Portillo
Casa pintada en Rinlo

Estrea:
En xaneiro de 2009, o Cine Teatro acolleu a estrea nacional de Os mortos van á présa. A película proxectouse simultaneamente no Cine Teatro e nos Multicines Cinelandia, para que puidesen desfrutar dela un maior número de persoas.
Á estrea acudiu gran parte do equipo técnico e artístico, que foi recibido con expectación polos ribadenses.




Bobina:
En 2010, o director da película, Ángel de la Cruz fixo entrega en Ribadeo dunha copia da bobina de Os mortos van á présa:


Desde aquí, animo a todo o mundo a que vexa Os mortos van á presa, que está dispoñible en DVD e tamén recomendo escoitar o CD da banda sonora da película, que tamén está á venda.
E se quedades con ganas de saber máis, anímovos a que lle botedes unha ollada ao diario de rodaxe de Os mortos van á presa, onde Ángel de la Cruz conta con detalle o proceso de creación da película.