lunes, 30 de noviembre de 2015

Pictograma da asociación Capaces no Cine Teatro

O Concello de Ribadeo e a asociación Capaces Lugo instalaron máis de 200 pictogramas en distintos puntos da vila para facilitar a integración das persoas que sofren algún tipo de diversidade funcional relacionada coa comunicación e a expresión. Ditos sinais axudan a que as persoas con dificultades entendan mellor en que lugar se atopan e as normas a respectar. 

Un dos lugares escollidos para a colocación dun destes pictogramas foi o Cine Teatro:



Capaces é unha asociación sen ánimo de lucro creada para apoiar ás persoas con Trastorno de Espectro Autista (TEA) e trastornos da comunicación (Trastorno Semántico Pragmático, TEL, etc.).

Membros do Concello de Ribadeo e da Asociación Capaces presentando o proxecto
Foto: La Voz de Galicia (29/10/2015)

Crónica3.com A Mariña (28/10/2015)

martes, 10 de noviembre de 2015

2015: Películas en galego en Cinelandia

É pouco frecuente atopar películas en galego nas pantallas dos cines, pero este ano en Cinelandia puidemos ver tres producións cinematográficas na nosa lingua.

A primeira do ano foi A Esmorga, que está rodada en galego, dirixida por Ignacio Vilar e protagonizada por Antonio Durán "Morris", Karra Elejalde e Miguel de Lira.


Aquí podes ver o tráiler de A Esmorga:



No mes de xuño chegou a Cinelandia O noso último verán en Escocia, que se proxectou dous días en galego e o resto da semana en castelán. 
Este é un caso curioso, xa que se trata dunha produción inglesa que se estreou dobrada ao galego grazas a unha iniciativa da Xunta de Galicia, a produtora Contracorriente Films e a TVG, co obxectivo de promover o consumo na nosa lingua de produtos culturais internacionais.


Este é o tráiler en galego de O noso último verán en Escocia:



O pasado mes de outubro, proxectouse en Cinelandia A praia dos afogados, película que combina personaxes que falan en galego con outros que o fan en castelán.




Cartel de A praia dos afogados no Eroski de Ribadeo

martes, 27 de octubre de 2015

Cinelandia e a Festa do Cine (Novembro 2015)

Unha vez máis, Cinelandia participa na Festa do Cine, que se celebrará os próximos días 3, 4 e 5 de novembro.



O prezo das entradas será de 2'90€ e as películas que se poderán ver son: Hotel Transilvania 2, Marte, El último cazador de brujas e A praia dos afogados.



Para poder adquirir unha acreditación e beneficiarse deste desconto, antes hai que rexistrarse na web oficial da Festa do Cine..


domingo, 25 de octubre de 2015

2014: Cinelandia en cifras




Estas son as películas españolas que se puideron ver en Cinelandia en 2014:



Estas son as 17 películas de animación que se proxectaron o ano pasado:



Para saber máis sobre A Esmorga, pincha aquí:



E para recordar o paso de Ocho apellidos vascos polas pantallas ribadenses, fai clic aquí:



Aquí podes comparar os datos de 2014 cos de 2013


* Estes datos poden conter algún pequeno erro...

domingo, 18 de octubre de 2015

Onde mercar DVD en Ribadeo

Hoxe en día, a maioría da xente que ve películas ou series na súa casa faino a través de Internet (de xeito legal ou ilegal), da televisión ou alugándoas en videoclubes, se teñen a sorte de ter algún cerca. Pero aínda hai quen prefire mercar os filmes en DVD (ou Blu-ray) para desfrutar deles na casa.

DVD na casa

Nas cidades é doado adquirir películas nos centros comerciais ou en tendas especializadas como a Fnac, pero nas vilas máis pequenas, como é o caso de Ribadeo, xa casi non quedan lugares nos que mercar cine.

Actualmente en Ribadeo pódense mercar DVD en:

- Grandes superficies como o Eroski, onde hai unha pequena sección fixa dedicada aos DVD e Blu-ray. Aquí destacan as películas infantís, algunhas de estrea, algúns clásicos do cine e, especialmente, westerns a prezo moi baixo:

Estantería do Eroski

- Librarías, nas que se nalgunha ocasión e se tes sorte, podes atopar algunha película perdida...


"Erreway 4 caminos" en Bis a Bis

"Cantinflas" na libraría Martínez

- Xogueterías, como Din&Don, que conta cunha estantería de pelis de Disney:



En xeral, a oferta é escasa e pouco variada, non hai onde mercar temporadas de series e o máis doado de atopar son películas de animación... menos mal que sempre nos quedará Internet!

martes, 15 de septiembre de 2015

Artigos de cine: "El viejo Colón de Ribadeo ya es historia"

O pasado sábado, publicouse en La Voz de Galicia o seguinte artigo sobre as obras do Colón:

12.09.2015 (La Voz de Galicia)

Ademais, o artigo incluía unha fotografía do estado actual do interior do cine:

(Pinchar na imaxe para vela en grande)

lunes, 14 de septiembre de 2015

Setembro de 2015: Obras no Colón

A semana pasada colocaron unha grúa e un valado no Colón, o que parece indicar que van comezar as obras de reforma do antigo cine.

12.09.2015

12.09.2015 (La Voz de Galicia)
11.09.2015 (Facebook Ribadeo)

domingo, 30 de agosto de 2015

Agosto Musical 2015: Música de cine

O pasado venres 28 de agosto, celebrouse no Cine Teatro o último concerto do Agosto Musical 2015 da Banda Municipal de Música de Ribadeo, no que interpretaron bandas sonoras de películas.




Durante o concerto, proxectáronse imaxes das películas.

Momento no que a Banda interpreta un tema de Aladdin


PELÍCULAS:

Memorias de África (1985) Sydney Pollack 

Titanic (1997) James Cameron 

Exodus: Dioses y Reyes (2014) Riddley Scott

Aladdin (1992) John Musker e Ron Clements 

West Side Story (1961) Robert Wise e Jerome Robbins 

Jesucristo Superstar (1973) Norman Jewison 

Piratas del Caribe (2003) Gore Verbinski


jueves, 27 de agosto de 2015

Os cines de Ribadeo en O Globo de Shakespeare (Santiago Jaureguizar)

Na novela O Globo de Shakespeare, escrita por Santiago Jaureguizar, aparecen mencionados numerosos lugares de Ribadeo, entre os que se atopa o Cine Colón, convertido nunha tenda chinesa.


Aquí podedes ler algúns fragmentos nos que aparece o Colón:


[…]
- ¡Ricardiño, son as moucho menos merlo! ¡Tempo de xantar! –berrou Celia tirando polas mantas para abaixo.
A muller cantaba as horas con especies de aves dende que mercara un reloxo de pulso e outro de parede no que as horas estaban representadas por paxaros, en Ribadeo Beijing, a tenda chinesa que ocupara o Cine Colón, o antigo gran cinema local.
[…]
Entrou naquela praza camiñando en paralelo a unha parede lateral do que fora Cine Colón e mudara nun hipermercado de trangalladas chinesas. Ricardo mirara nese cinema algunhas películas con actores orientais, descendentes de chineses que emigraran aos Estados Unidos na maioría dos casos.
[...]
Mirando o cartel anunciador de Ribadeo Beijing, que os chineses situaran sobre a entrada principal, Ricardo pensou no fracaso que representaba que un centro de cultura popular occidental remudara nun centro de consumo popular por uns estraños que o monifateiro era incapaz de distinguir entre eles: todos lle parecían igualmente perigosos para a pervivencia da anciá e trenca Europa.
O teatreiro coñecera no Cine Colón a un actor de Ribadeo, que se puxera de alcume Frank Rinlo para ser o John Wayne galego ou, polo menos, para ser o Alan Ladd galego.
[…]
Lisandro mirara a Frank Rinlo morrer ducias de ocasións; por veces, nun tiroteo; por veces, nun duelo no medio da vila construída en madeira; por veces, caendo dende o alto do tellado do cárcere local; por veces, derrubado nun cabalo nunha persecución. Non lembraba agora concretamente o xeito de finar en cada unha das fitas, pero si que acontecera nas pantallas do Cine Teatro e do Cine Colón de Ribadeo en ducias de ocasións baixo títulos como A morte tiña un prezo, O bo, o feo e o malo, Por unha presada de dólares ou Unha bala marcada.
[…]
Frank Rinlo desexaba visitar o Cine Colón, o espazo de fantasía onde decidira ser actor tras mirar a Alan Ladd en Shame, o meu heroe de cando neno. Saíra do Hostal Presidente pasada a medianoite e cruzara Ribadeo camiñando ata a Praza de Abaixo, onde se achaba o cumprido local ao que acudira a ver centos e centos de películas. Na súa billeteira ficaran as perras gordas que gañara pescando na ría e vendendo maragotas, andaricas e longueiróns nas casas dos ricos. Deulle xenio perder cinco nasas cando era un rapazolo e, dende aquela, non había quen as botase con máis acerto.
Ao chegar, comprobou que o local seguía onda sempre, mais o cine quedara disfrazado de tenda de trangalladas chinesas. Ribadeo Beijing eran as palabras que aparecían nas longas barras luminosas dun cartel con aspecto de tellado de pagode que ficaba apagado; ambas as verbas estaban ligadas por un corazón de neon.
[…]



O Globo de Shakespeare (Santiago Jaureguizar)

Ricardo está obsesionado con Shakespeare, a súa obra e os seus protagonistas. Vive no seu propio mundo e comunícase cos demais a través de títeres. Ricardo séntese só e incomprendido, por iso contrata a unha prostituta para que faga de público cando representa coas súas marionetas obras de Shakespeare na mansión. Pero Ricardo non é o único soñador: tamén o é o exitoso escritor que soña con limóns e a súa muller, que vive sempre á sombra do seu home. E tamén está por alí Frank Rinlo, especialista de spaghetti westerns que aparece para casarse coa muller que o esperara toda a vida: a asistenta da familia.

viernes, 31 de julio de 2015

A última viaxe do afiador

Este venres 31 de xullo ás 22.30h proxectarase no parque de San Francisco (no Teatro en caso de que chova) o documental A última viaxe do afiador, dirixido por Aitor Rei.



A última viaxe do afiador (2013) Aitor Rei

"Queicoa" significa en Barallete (a lingua dos afiadores) Deus, heroe, loitador, ser grande e mítico. Dende hai máis de tres séculos ata os nosos días, aos vellos afiadores de moita sona, con moitos camiños e milleiros de quilómetros ás súas costas, chámanlles "Queicoas".
Eran homes bravos, duros, curtidos de traballar nos campos coa única compaña do xirar dunha roda.
Esta é a súa historia e estes son os seus rostros...




A proxección forma parte do proxecto "Achega. Cinema en movemento" que pretende dar a coñecer o patrimonio cultural e etnográfico galego a través de asociacións, concellos ou centros de ensino.

Axenda cultural de Ribadeo


miércoles, 29 de julio de 2015

Cine no IV Festival Jazz & Blues

Do 18 ao 26 de xullo, celebrouse o IV Festival de Jazz & Blues de Ribadeo.
Ademais de concertos e cursos de baile e música, o festival incluíu a proxección do documental A film about kids and music, dirixido por Ramon Tort.





A film about kids and music (2012) Ramon Tort

A film about kids and music é un documental sobre a Sant Andreu Jazz Band. A orquestra, dirixida por Joan Chamorro, reúne a nenos e nenas de entre 6 e 18 anos ao redor dun repertorio de jazz clásico que enche os auditorios máis importantes do país.
A película é unha viaxe da man do director de orquestra, que nos sumerxe nun método de ensinanza tan singular como os resultados que consegue. 


Aquí podedes ver o tráiler do documental:


viernes, 24 de julio de 2015

Entre Marbella e Torremolinos

Desde o pasado día 15 e ata o próximo mércores 29 de xullo, pode verse no Forte de San Damián a exposición "Entre Marbella e Torremolinos. Imaxes de manicomio"


A mostra recolle algunhas das fotografías que Xosé Reigosa fixo no último ano do hospital psiquiátrico de Castro, antes do seu peche en 2012.



Ademais das fotografías, na exposición pode verse un documental realizado por Xosé Reigosa e no que se recollen testemuñas de traballadores e internos do hospital.







Aquí podedes ver o documental Entre Marbella e Torremolinos:


jueves, 2 de julio de 2015

Videoclip de Sun Face

O pasado venres 26 de xuño estreouse no bar Amodiño o videoclip do tema Negrita, do grupo ribadense Sun Face.



Ademais da presentación do videoclip, realizado por Elfarero, o grupo deu un pequeno concerto.

24/06/2015 (Crónica3.com A Mariña)

Aquí podedes ver o video de Negrita:



Fotogramas do videoclip

lunes, 29 de junio de 2015

Maio de 2015: Curtas no rural

O pasado mes de maio, Ribadeo en Común organizou a proxección de curtas en varias parroquias ribadenses: Piñeira, Ove, Rinlo, Cedofeita e Remourelle.

13/05/2015 Crónica3.com A Mariña

As obras proxectadas foron Tempo de recolleita, Nacimiento e Comprometidas: productos ecológicos y medio rural.



Tempo de recolleita (2008) Félix Blume



Nacimiento (2012) Sergi González



Comprometidas: productos ecológicos y medio rural (2009) Fundación Biodiversidad


miércoles, 24 de junio de 2015

Ribadeo e o cine: GALATASARAY - DÉPOR

O pasado xoves 18 de xuño, tivo lugar a proxección da película Galatasaray - Dépor, organizada polos alumnos do curso de Dinamización, programación e desenvolvemento de accións culturais do CIFP Porta da Auga.



A entrada foi de balde e os asistentes foron obsequiados con flocos de millo.





Galatasaray - Dépor (2005) Hannes Stöhr

O filme narra catro sucesos similares que ocorren no mesmo día (o da final da Champions entre o Galatasaray de Estambul e o Deportivo da Coruña), ao mesmo tempo, en catro cidades de Europa.
En concreto, trátase dos roubos de equipaxe que sofren unha muller de negocios en Moscú, un peregrino húngaro en Santiago, un excursionista en Estambul e unha parella francesa en Berlín, e os problemas que este feito lles causa, especialmente coa policía debido ás diferenzas de idioma.