martes, 31 de enero de 2017

Unha produtora de Denver nas Catedrais

O pasado 18 de xaneiro publicouse en La Voz de Galicia unha noticia na que se informa de que unha produtora de Denver (Colorado) está interesada en gravar un documental nas Catedrais no mes de maio.

18.01.2017 (La Voz de Galicia)

A produtora estadounidense Citizen Pictures enviou un email ao Concello de Ribadeo para preguntar que trámites hai que seguir para conseguir as autorizacións para poder filmar durante un día na praia.


Como indican na súa web, Citizen Pictures está especializada en entretemento e lifestyle, con programas para televisión dedicados a viaxes, comida, deportes, ocio...

lunes, 30 de enero de 2017

Stop motion no Breogán

O pasado venres 27 de xaneiro, celebrouse no bar Breogán un taller de stop motion.

Fonte: Facebook Breogán

Esta técnica de animación consiste en aparentar movementos a través da filmación fotograma a fotograma de obxectos estáticos, neste caso con bonecos de Playmobil.



domingo, 29 de enero de 2017

Ribadeo e o cine: SICIXIA

Onte, sábado 28, ás 20.30h proxectouse en Cinelandia a longametraxe Sicixia, protagonizada por Marta Lado e Monti Castiñeiras.

26.01.2017 (La Voz de Galicia)

Axenda cultural (1º trimestre 2017)

Ao remate da película houbo un breve coloquio co seu director, Ignacio Vilar, que estivo presente durante a proxección.


Ignacio Vilar, director de Sicixia, e Farruco Graña, concelleiro de Cultura


Sicixia (2016) Ignacio Vilar 

Xiao é un enxeñeiro de son que percorre as localidades galegas na procura de sons, da xente e da natureza. Nesta viaxe coñece a Olaia, que traballa na colleita de algas e que desperta en Xiao a paixón pola vida, a terra e o salvaxe da Costa da Morte.



jueves, 26 de enero de 2017

Proxecto-R. TRON

Onte, mércores 25, proxectouse na tenda bar Amodiño a segunda película do ciclo de cine Proxecto-R, organizado polo colectivo Doce do Patíbulo e que dedica o mes de xaneiro á ciencia ficción.

Programa de actividades de xaneiro e febreiro do Amodiño

Tron (1982) Steven Lisberg

Kevin Flynn, un brillante programador interpretado por Jeff Bridges, é absorbido polo ordenador da compañía na que traballaba, transportándose a un mundo virtual onde os programas teñen personalidade propia e no que deben defenderse do sistema, que controla todo ao seu antollo.



Tron, da factoría Disney, foi unha das primeiras películas que utilizou gráficos xerados por ordenador, combinados con efectos ópticos tradicionais.

lunes, 23 de enero de 2017

Artigos de cine: "El cine Colón, o el Paradiso ribadense"

O pasado 14 de xaneiro publicouse en La Comarca del Eo o seguinte artigo no que, a raíz do peche do Colón, Diego Vigil de Quiñones fai unha reflexión sobre o que supón o cine para a xente.

14.01.2017 (La Comarca del Eo)
Pinchar na imaxe para vela en grande

sábado, 21 de enero de 2017

Rodaxe da película Bad Investigate

A semana pasada tivo lugar en Ribadeo a gravación de varias secuencias da película Bad Investigate, da produtora portuguesa Lightbox.

14.01.2017 (La Voz de Galicia)
15.01.2017 (El Progreso)
15.01.2017 (La Voz de Galicia)
16.01.2017 (La Voz de Galicia)
17.01.2017 (El Progreso)

O equipo, formado por unhas 30 persoas, estivo rodando en varios puntos da nosa vila: no porto de Porcillán, na igrexa de Ribadeo e as súas inmediacións, na zona das Catedrais, nunha casa de Santa Cruz, etc.

16.01.2017 (La Voz de Galicia)
Foto: Jose Alonso
17.01.2017 (El Progreso)
Foto: Antonio López


Momentos da rodaxe


Gravación en Porcillán

Membros do grupo local de teatro e axentes da Garda Civil participaron como extras na película, que conta coa participación de intérpretes como Enrique Arce (Amar es para siempre, Física o Química, Compañeros, Periodistas...) e Carmen Méndez (Pazo de Familia...), entre outros.


miércoles, 18 de enero de 2017

Proxecto-R. 2001: UNA ODISEA EN EL ESPACIO

Este mércores 18 ás 20.30h proxectouse no cine Teatro 2001: Una odisea en el espacio, a primeira das películas do Proxecto-R
Este ciclo de cine, que dedica o mes de xaneiro á ciencia ficción, está organizado polo colectivo Doce do Patíbulo.

Cartel deseñado por Ángel Sanz

O filme, dirixido por Stanley Kubrick, foi proxectado en versión orixinal subtitulada e a entrada foi libre e gratuita.

18.01.2017 (La Voz de Galicia)

2001: Una odisea en el espacio (1968) Stanley Kubrick

Fai millóns de anos, antes da aparición do homo sapiens, uns primates descobren un monolito que os leva a un nivel de intelixencia superior. Millóns de anos despois, outro monolito, enterrado na lúa, desperta o interese dos científicos. Por último, durante unha misión da NASA, HAL 9000, unha máquina dotada de intelixencia artificial, encárgase de controlar todos os sistemas dunha nave espacial tripulada. 
A película narra distintas etapas da historia da humanidad, non só do pasado, senón tamén do futuro.


Fotograma da película

lunes, 16 de enero de 2017

As entradas do cine Colón

Así eran as entradas do cine Colón, que pechou as súas portas a principios dos 70 e que foi derrubado o ano pasado:

(Foto: Mª Esther Sampedro. Facebook Non eres de Ribadeo si...)


Como se pode apreciar, a entrada indica a fila e o número do asento, pero non figuran nin a data nin o seu prezo.

domingo, 15 de enero de 2017

Programas de man dos cines

Os programas de man eran folletos usados polas produtoras, as distribuidoras e as salas de cine para publicitar as súas películas e atraer a atención dos espectadores.


Os programas de man tiveron a súa máxima popularidade nos anos 30 e 40 e foron desaparecendo a principios dos 70, coa chegada de novas formas de publicitar as películas.


Na parte dianteira figuraba unha ilustración dalgún fotograma da película, do cartel, dos seus protagonistas, etc. Ademais, tamén aparecían indicados os nomes dos actores e do director.


A parte traseira estaba en branco e nela cada cine imprimía a súa propia publicidade, a información da proxección (día, horarios dos pases...), avances doutras estreas, unha breve sinopse, frases exaltando a calidade do filme, etc.





Nalgúns casos, os programas de man tiñan forma de libriño e contaban con varias páxinas, como é o caso deste da película Chicago:

Parte exterior do programa
(Foto: todocolección.net)
Parte interior do programa
(Foto: todocolección.net)

martes, 10 de enero de 2017

Proxecto-R

O colectivo Doce do Patíbulo, en colaboración co Concello de Ribadeo, organiza o ciclo de cine Proxecto-R (Proxecto Ribadeo), que se desenvolverá ao longo de todo este ano 2017. Cada mes proxectarase unha película en versión orixinal subtitulada e ao remate da mesma haberá un foro de debate.


As películas serán de temáticas diversas (ciencia ficción, animación, western, etc.) e cada mes, un artista local deseñará un cartel relacionado co filme proxectado.

10/01/2017 (La Voz de Galicia. A Mariña)

O ciclo comezará o 18 de xaneiro coa proxección de 2001: Una odisea en el espacio no Cine Teatro e a entrada será libre e de balde.

Pódese coñecer máis información de Proxecto-R na súa páxina de facebook.