Na novela O Globo de Shakespeare, escrita por Santiago Jaureguizar, aparecen mencionados numerosos lugares de Ribadeo, entre os que se atopa o Cine Colón, convertido nunha tenda chinesa.
Aquí podedes ler algúns fragmentos nos que aparece o Colón:
[…]
- ¡Ricardiño, son
as moucho menos merlo! ¡Tempo de xantar! –berrou Celia tirando polas mantas
para abaixo.
A muller cantaba as
horas con especies de aves dende que mercara un reloxo de pulso e outro de
parede no que as horas estaban representadas por paxaros, en Ribadeo Beijing, a tenda chinesa que
ocupara o Cine Colón, o antigo gran cinema local.
[…]
Entrou naquela
praza camiñando en paralelo a unha parede lateral do que fora Cine Colón e
mudara nun hipermercado de trangalladas chinesas. Ricardo mirara nese cinema
algunhas películas con actores orientais, descendentes de chineses que
emigraran aos Estados Unidos na maioría dos casos.
[...]
Mirando o cartel anunciador de Ribadeo
Beijing, que os chineses situaran sobre a entrada principal, Ricardo pensou
no fracaso que representaba que un centro de cultura popular occidental
remudara nun centro de consumo popular por uns estraños que o monifateiro era
incapaz de distinguir entre eles: todos lle parecían igualmente perigosos para
a pervivencia da anciá e trenca Europa.
O teatreiro
coñecera no Cine Colón a un actor de Ribadeo, que se puxera de alcume Frank
Rinlo para ser o John Wayne galego ou, polo menos, para ser o Alan Ladd galego.
[…]
Lisandro mirara a
Frank Rinlo morrer ducias de ocasións; por veces, nun tiroteo; por veces, nun
duelo no medio da vila construída en madeira; por veces, caendo dende o alto do
tellado do cárcere local; por veces, derrubado nun cabalo nunha persecución. Non
lembraba agora concretamente o xeito de finar en cada unha das fitas, pero si
que acontecera nas pantallas do Cine Teatro e do Cine Colón de Ribadeo en
ducias de ocasións baixo títulos como A
morte tiña un prezo, O bo, o feo e o
malo, Por unha presada de dólares
ou Unha bala marcada.
[…]
Frank Rinlo
desexaba visitar o Cine Colón, o espazo de fantasía onde decidira ser actor
tras mirar a Alan Ladd en Shame, o meu heroe de cando neno. Saíra do Hostal
Presidente pasada a medianoite e cruzara Ribadeo camiñando ata a Praza de
Abaixo, onde se achaba o cumprido local ao que acudira a ver centos e centos de
películas. Na súa billeteira ficaran as perras
gordas que gañara pescando na ría e
vendendo maragotas, andaricas e longueiróns nas casas dos ricos. Deulle xenio
perder cinco nasas cando era un rapazolo e, dende aquela, non había quen as botase
con máis acerto.
Ao chegar,
comprobou que o local seguía onda sempre, mais o cine quedara disfrazado de
tenda de trangalladas chinesas. Ribadeo Beijing
eran as palabras que aparecían nas longas barras luminosas dun cartel con
aspecto de tellado de pagode que ficaba apagado; ambas as verbas estaban ligadas
por un corazón de neon.
[…]
O Globo de Shakespeare (Santiago Jaureguizar)
Ricardo está obsesionado con Shakespeare, a súa obra e os seus protagonistas. Vive no seu propio mundo e comunícase cos demais a través de títeres. Ricardo séntese só e incomprendido, por iso contrata a unha prostituta para que faga de público cando representa coas súas marionetas obras de Shakespeare na mansión. Pero Ricardo non é o único soñador: tamén o é o exitoso escritor que soña con limóns e a súa muller, que vive sempre á sombra do seu home. E tamén está por alí Frank Rinlo, especialista de spaghetti westerns que aparece para casarse coa muller que o esperara toda a vida: a asistenta da familia.