domingo, 30 de septiembre de 2018

Ribadeo e o cine: DHOGS

Onte ás 20.30h proxectouse en Cines Ribadeo a película Dhogs, ópera prima de Andrés Goteira.


A proxección contou coa presenza do realizador meirao, que tras o remate da película respondeu a todas as preguntas do público. Ademais de debater sobre o significado do filme e o seu argumento, comentou detalles da banda sonora e falou sobre o orzamento e a distribución da obra, sobre os actores principais, as localizacións, etc. Tamén avanzou que actualmente está traballando nun documental e na súa seguinte longametraxe, que xirará en torno ao tema da soidade.


Andrés Goteira no coloquio tras a proxección 

Dhogs, rodada integramente en galego, está protagonizada por Melania Cruz, Carlos Blanco, Antonio Durán "Morris", Miguel de Lira e Iván Marcos, e percorreu numerosos festivais, ademais de gañar 13 galardóns na pasada edición dos Mestre Mateo.





Dhogs (2017) Andrés Goteira

Mentres un estraño personaxe atravesa as rúas da cidade ao volante dun vello taxi, no bar dun luxoso hotel está Alex, unha muller que goza dunha última copa, incosciente da morea de acontecementos que lle sucederán nas próximas horas. Logo dunha fugaz aventura cun executivo, verase inmersa nunha espiral de violencia sen sentido aparente, obrigándoa a percorrer unha senda de sufrimento fóra do seu control.