Oscuro y Lucientes é un documental dirixido por Samuel Alarcón no que se trata de esclarecer o que sucedeu co cráneo do pintor Francisco de Goya.
Goya faleceu na cidade francesa de Burdeos en 1828, onde permaneceu enterrado ata que exhumaron o seu cadáver para trasladalo a España e foi neste momento cando se descubriu que o cráneo non se atopaba entre o resto dos ósos do pintor.
Como mostra o documental, narrado cunha voz en off que se dirixe directamente ao propio Goya, a única pista que hai sobre a caveira desaparecida é un cadro pintado polo asturiano Dionisio Fierros.
A pintura data de 1849, anos antes da exhumación do cadáver de Goya, polo que non se sabe se a obra foi manipulada posteriormente para a súa revalorización ou se é que realmente Fierros chegou a ter nas súas mans o cráneo desaparecido.
O cráneo de Goya pintado por Dionisio Fierros |
Ribadeo, vila natal da muller de Dionisio Fierros, está presente no documental a través da figura de Dionisio Gamallo Fierros, neto do pintor, xa que el investigou a relación do seu avó co roubo da caveira e escribiu varios artigos e ensaios ao respecto.
Documentación de Dionisio Gamallo Fierros |
Ademais de paisaxes da nosa vila rodadas durante o Ribadeo Indiano, en Oscuro y Lucientes tamén aparece o arquivo de Dionisio Gamallo Fierros.
Ribadeo en Oscuro y Lucientes |
Antonio Deaño Gamallo e o arquivo de Dionisio Gamallo nun momento do documental |
Se queres coñecer a fondo esta interesante historia, recoméndoche que vexas o documental, que está dispoñible na páxina de RTVE ata o próximo 29 de febreiro.
Momento da rodaxe na Rúa Antonio Otero (Foto: Instagram Samuel Alarcón) |