O pasado domingo 23, a compañía Elefante Elegante representou o seu espectáculo Aurora no auditorio Hernán Naval.
Facebook: Mocidade Ribadeo |
Aurora, dirixida a nenos a partir de 3 anos, é a historia do encontro dun Aviador coa Raíña das Curuxas, a quen lle gusta máis a noite que o día. Ao solpor, cando escurece, ela está mellor que nunca: voa dun lado para outro, axita as súas ás e asubía como o vento. Pero ao mencer, énchese de tristura. O sol queima a súa pel e cega os seus ollos. O Aviador intentará facer todo o posible para axudarlle á Raíña das Curuxas, pero pódese vivir nun mundo sen sol?
Esta obra, interpretada por María Torres e Gonçalo Guerreiro, mestura teatro de actor e videocreación, co fin de afondar a experimentación arredor das linguaxes visuais. A música conecta a acción no escenario coa acción proxectada en vídeo, creando un universo máxico, cómico e misterioso.
A creación audiovisual de Aurora, obra de Dani Pais, permite abrir o universo escénico e plasmar a través do vídeo algunhas cousas que doutro xeito nunca se poderían dar nun escenario.
Podedes ver o tráiler de Aurora facendo clic aquí.