domingo, 30 de agosto de 2015

Agosto Musical 2015: Música de cine

O pasado venres 28 de agosto, celebrouse no Cine Teatro o último concerto do Agosto Musical 2015 da Banda Municipal de Música de Ribadeo, no que interpretaron bandas sonoras de películas.




Durante o concerto, proxectáronse imaxes das películas.

Momento no que a Banda interpreta un tema de Aladdin


PELÍCULAS:

Memorias de África (1985) Sydney Pollack 

Titanic (1997) James Cameron 

Exodus: Dioses y Reyes (2014) Riddley Scott

Aladdin (1992) John Musker e Ron Clements 

West Side Story (1961) Robert Wise e Jerome Robbins 

Jesucristo Superstar (1973) Norman Jewison 

Piratas del Caribe (2003) Gore Verbinski


jueves, 27 de agosto de 2015

Os cines de Ribadeo en O Globo de Shakespeare (Santiago Jaureguizar)

Na novela O Globo de Shakespeare, escrita por Santiago Jaureguizar, aparecen mencionados numerosos lugares de Ribadeo, entre os que se atopa o Cine Colón, convertido nunha tenda chinesa.


Aquí podedes ler algúns fragmentos nos que aparece o Colón:


[…]
- ¡Ricardiño, son as moucho menos merlo! ¡Tempo de xantar! –berrou Celia tirando polas mantas para abaixo.
A muller cantaba as horas con especies de aves dende que mercara un reloxo de pulso e outro de parede no que as horas estaban representadas por paxaros, en Ribadeo Beijing, a tenda chinesa que ocupara o Cine Colón, o antigo gran cinema local.
[…]
Entrou naquela praza camiñando en paralelo a unha parede lateral do que fora Cine Colón e mudara nun hipermercado de trangalladas chinesas. Ricardo mirara nese cinema algunhas películas con actores orientais, descendentes de chineses que emigraran aos Estados Unidos na maioría dos casos.
[...]
Mirando o cartel anunciador de Ribadeo Beijing, que os chineses situaran sobre a entrada principal, Ricardo pensou no fracaso que representaba que un centro de cultura popular occidental remudara nun centro de consumo popular por uns estraños que o monifateiro era incapaz de distinguir entre eles: todos lle parecían igualmente perigosos para a pervivencia da anciá e trenca Europa.
O teatreiro coñecera no Cine Colón a un actor de Ribadeo, que se puxera de alcume Frank Rinlo para ser o John Wayne galego ou, polo menos, para ser o Alan Ladd galego.
[…]
Lisandro mirara a Frank Rinlo morrer ducias de ocasións; por veces, nun tiroteo; por veces, nun duelo no medio da vila construída en madeira; por veces, caendo dende o alto do tellado do cárcere local; por veces, derrubado nun cabalo nunha persecución. Non lembraba agora concretamente o xeito de finar en cada unha das fitas, pero si que acontecera nas pantallas do Cine Teatro e do Cine Colón de Ribadeo en ducias de ocasións baixo títulos como A morte tiña un prezo, O bo, o feo e o malo, Por unha presada de dólares ou Unha bala marcada.
[…]
Frank Rinlo desexaba visitar o Cine Colón, o espazo de fantasía onde decidira ser actor tras mirar a Alan Ladd en Shame, o meu heroe de cando neno. Saíra do Hostal Presidente pasada a medianoite e cruzara Ribadeo camiñando ata a Praza de Abaixo, onde se achaba o cumprido local ao que acudira a ver centos e centos de películas. Na súa billeteira ficaran as perras gordas que gañara pescando na ría e vendendo maragotas, andaricas e longueiróns nas casas dos ricos. Deulle xenio perder cinco nasas cando era un rapazolo e, dende aquela, non había quen as botase con máis acerto.
Ao chegar, comprobou que o local seguía onda sempre, mais o cine quedara disfrazado de tenda de trangalladas chinesas. Ribadeo Beijing eran as palabras que aparecían nas longas barras luminosas dun cartel con aspecto de tellado de pagode que ficaba apagado; ambas as verbas estaban ligadas por un corazón de neon.
[…]



O Globo de Shakespeare (Santiago Jaureguizar)

Ricardo está obsesionado con Shakespeare, a súa obra e os seus protagonistas. Vive no seu propio mundo e comunícase cos demais a través de títeres. Ricardo séntese só e incomprendido, por iso contrata a unha prostituta para que faga de público cando representa coas súas marionetas obras de Shakespeare na mansión. Pero Ricardo non é o único soñador: tamén o é o exitoso escritor que soña con limóns e a súa muller, que vive sempre á sombra do seu home. E tamén está por alí Frank Rinlo, especialista de spaghetti westerns que aparece para casarse coa muller que o esperara toda a vida: a asistenta da familia.