O próximo domingo 28 de maio celébranse eleccións municipais e nesta ocasións son 4 os partidos que optan á alcaldía ribadense: BNG, PSOE, PP e PG.
Programas electorais en papel |
Durante as últimas semanas, os partidos deron a coñecer os seus programas electorais e unha vez máis, desde Ribadeo e o cine, analizamos a presenza do audiovisual nos mesmos:
BNG
Entre as súas medidas referentes á cultura e seguindo a liña de lexislaturas anteriores, o Bloque Nacionalista Galego aposta por "manter Ribadeo nos diferentes circuítos culturais do teatro, da danza, da música e do audiovisual".
Ademais, fan referencia á continuidade doutros programas nos que o audiovisual adoita a estar presente, como Apego ou Cultura nas parroquias.
No apartado referido á mocidade, prometen dar un novo pulo ás iniciativas que dean a coñecer a capacidade creativa dos máis novos tanto na nosa vila como en eventos fóra do Concello, como é o caso de Youtubeiros.
PP
Ao igual que nas eleccións de 2019, o Partido Popular non fai alusión directa ao audiovisual no seu programa, pero unha vez máis recolle a súa intención de "dinamizar e poñer en valor o Cine Teatro".
Tamén inclúen outras medidas que poderían afectar directamente ao audiovisual, como a promesa de apoiar novas iniciativas, crear un padroado cultural e celebrar noites alternativas que xiren en torno a distintas actividades.
PSOE
Entre as medidas relacionadas coa cultura do Partido Socialista non hai ningunha que faga referencia ao audiovisual e só mencionan a "ampliación do programa cultural".
PG
O Partido Galeguista non fai ningunha mención á cultura no seu programa electoral, que se centra no desenvolvemento económico local e o benestar.