domingo, 16 de junio de 2013

1955: Directores

En 1955, polas pantallas do Colón e do Teatro pasaron películas de grandes directores como por exemplo Fred Zinnemann e Joseph Mankiewicz:

FRED ZINNEMANN (1907 – 1997)

Fred Zinnemann comezou a súa carreira cinematográfica como director de curtametraxes.
En 1944, dirixiu a longametraxe La séptima cruz (1944), protagonizada por Spencer Tracy, e que se converteu no seu primeiro éxito.
O nazismo, a II Guerra Mundial e os temas bélicos en xeral, aparecen con frecuencia nas súas películas, como por exemplo en Los ángeles perdidos (1948) e  Hombres (1950).
Entre a súa filmografía tamén se atopan títulos como Solo ante el peligro (1952), De aquí a la eternidad (1953), Oklahoma (1955), Historia de una monja (1959) e Un hombre para la eternidad (1966).
Nos anos 60 e 70, centrouse nos traballos de produción e tamén dirixiu algunha película, aínda que con menos éxito que nas etapas anteriores.
Zinnemann gañou dous Oscar á mellor dirección por Un hombre para la eternidad e De aquí a la eternidad.

Zinnemann con Paul Scofield, protagonista de Un hombre para la eternidad
  
JOSEPH L. MANKIEWICZ (1909 – 1993)

Mankiewicz comezou no mundo do cine realizando pequenos traballos na Paramount. Posteriormente trasladouse á Metro Goldwyn Mayer, onde foi guionista de varios filmes e productor doutros como Furia (1936), de Fritz Lang ou Historias de Filadelfia (1940), de George Cukor.
Pero o obxectivo de Mankiewicz era poder dirixir as súas propias películas, polo que deixou a MGM e foise á 20th Century Fox. Foi neste estudo onde realizou Carta a tres esposas (1949) e Eva al desnudo (1950), coas que gañou dous premios Oscar ao mellor director.
Entre a filmografía de Mankiewicz hai que destacar Cleopatra (1963), película protagonizada por Elisabeth Taylor e recordada pola súa accidentada rodaxe e o seu desorbitado custo final, o que estivo a piques de afundir á 20th Century Fox.

Joseph L. Mankiewicz


En 1955, os ribadenses tamén puideron ver numerosas películas de directores españois (Antonio Román, Miguel M. Delgado, Roberto de Ribón, Luis Lucía, etc.), xa que seguindo a Orden Ministerial do 11 de agosto de 1953, os cines estaban obrigados a exhibir unha porcentaxe determinada ao ano de películas españolas.