Así recordo eu o cine da miña infancia e adolescencia, así recordo o Cine Teatro:
Recordo que ao cine había que ir con tempo porque case sempre había que facer cola.
Recordo as longas colas para poder mercar algunha lambetada. No meu caso, unha bolsa de patacas, palomitas ou regaliz.
Recordo que paguei entradas en pesetas e tamén en euros.
Recordo que as entradas eran moi pequeniñas.
Recordo que cando chegaba tarde, o acomodador (coa súa lanterna) axudábame a buscar un sitio onde sentarme.
Recordo a sala chea de compañeiros do cole.
Recordo o silencio cando se apagaban as luces e comezaban os tráilers.
Recordo o barullo dos nenos, as risas, os comentarios en voz alta durante a peli...
Recordo que non me gustaba sentarme nas filas do medio porque os de arriba tiraban cousas.
Recordo que nunca me sentaba nas butacas de arriba.
Recordo que no Cine Teatro vin moitas películas de debuxos animados, pero se penso en títulos concretos só me lembro de O bosque animado.
Recordo que cando tiña 9 anos alucinei ao ver a sala chea de xente de todas as idades. Foi nunha das proxeccións de Titanic.
Recordo que tamén alucinei cando o meu irmán, un amigo seu e eu entramos na sala e estaba completamente baleira... normal, se temos en conta que a película que poñían era El gran marciano.
Recordo que fun coas miñas amigas a ver Piratas del Caribe porque unha delas adoraba a Orlando Bloom.
Non sei por que recordo que no Teatro tamén vin Slam e Amor ciego.
Recordo que o importante era ir ao cine a pasar un bo rato e que a película era o de menos.
Non recordo cal foi a primeira película que vin no Cine Teatro nin cando foi a última vez que entrei nel antes de que pechase.
Recordo que o cine estivo pechado por reformas, despois volveu abrir e había butacas novas e ao pouco tempo pechou definitivamente (concretamente en maio de 2003).
Recordo a súa fachada branca, os pósters das películas ao lado da porta e o cartel que poñía Cine Teatro.
Recordo que este verán vin O Apóstolo na pantalla do Teatro, pero xa non foi o mesmo. Faltaban o olor a palomitas na entrada, as colas, a sala chea de xente e cousas caendo desde o piso de arriba...
Así recordo eu o Cine Teatro... E ti? Como o recordas?
- Fotos
- Vídeo