O pasado sábado 26 de xaneiro, proxectouse no Cine Teatro a película Nove de novembro, dirixida por Lázaro Louzao e protagonizada por Ademar Silvoso e Brais Yanek.
Tras a proxección, durante a que houbo problemas de son que impediron escoitar os diálogos correctamente, o director mariñao comentou algúns dos aspectos máis relevantes do filme e respondeu ás dúbidas do público presente.
Lázaro Louzao durante o coloquio posterior á proxección |
Hai que destacar que Nove de novembro é a primeira longametraxe de temática LGTB rodada en galego.
Nove de novembro (2018) Lázaro Louzao
Roberto e Miguel levan xuntos dez anos. Unha década de vida en común que volverá á súa memoria ao longo de catro días de novembro. Unha relación que parecía funcionar, comezará a romperse con cada recordo.
No fondo da relación residen sentimentos ocultos forxados por un pasado común. Secretos e rancores que o resto do mundo non ve, separados por un muro que parece infranqueable. O muro que separa a Roberto e Miguel non foi o único que caeu aquela fría noite de novembro.