domingo, 20 de junio de 2021

Proxecto Versión Fin

O cine Teatro e o Círculo Habanero acollen esta fin de semana dous concertos audiovisuais que forman parte do proxecto Versión Fin, levado a cabo por Iván Torres.
Cada concerto é único e nel combínanse antigas películas de celuloide recuperadas do cine Teatro con música improvisada en directo.


Iván Torres explicou que "este proxecto chámase Versión Fin porque son uns textos que se atopan facilmente nas colas de celuloide e que normalmente están escritos polos proxeccionistas. O celuloide sempre, cando ía pasando de proxeccionista en proxeccionista, tiña unhas marcas que eles ían deixando e que eran como mensaxes para o seguintes proxeccionista para ver se unha cola terminada nun sitio, empezaba noutro, se tiña un erro ou marcas que non debían estar aí."


Os concertos teñen lugar ás 21h, o sábado 19 no cine Teatro e o domingo 20 no Círculo Habanero. Máis adiante, segundo anunciou a concelleira de cultura, Pilar Otero, haberá outras dúas proxeccións no peirao de Rinlo e no Pazo de Cedofeita.