martes, 16 de abril de 2013

1957: Directores

En 1957, pasaron pola pantalla do Colón algunhas das películas de dous directores fundamentais na historia do cine español: Jose Antonio Bardem e José María Forqué:

JUAN ANTONIO BARDEM (1922 – 2002)

Juan Antonio Bardem foi un director de cine español, pertencente a unha familia moi vencellada ao mundo da interpretación: era fillo dos actores Rafael Bardem e Matilde Muñoz Sampedro, irmán de Pilar Bardem e tío de Carlos e Javier Bardem.
Titulouse como enxeñeiro agrónomo, aínda que posteriormente decidiu estudar no Instituto de Investigacións e Experiencias Cinematográficas. Foi aquí onde coñeceu a Luis García Berlanga e xuntos dirixiron Esa pareja feliz (1951) e ¡Bienvenido, Mister Marshall! (1953), unha das películas clave da historia do cine español.
Tamén dirixiu filmes como Cómicos (1953), Muerte de un ciclista (1955) e Calle Mayor (1956).
Debido a problemas coa censura e á súa militancia no Partido Comunista, a súa produción diminuiu notablemente nos anos 60 e 70.
Mención especial merece a súa asistencia ás Conversas de Salamanca, celebradas en 1955, onde a industria do cine se reuniu para analizar a situación do sector.
Alí Bardem pronunciou o famoso pentagrama co que definiu o cine español como:
“políticamente ineficaz,
socialmente falso,
intelectualmente ínfimo,
estéticamente nulo e
industrialmente raquítico”

Luis García Berlanga e Juan Antonio Bardem
  
JOSE MARÍA FORQUÉ (1923 – 1995)

Foi un director de cine español e fundador, en 1967, da produtora Orfeo Films.
A súa primeira película foi Niebla y sol (1951).
Na súa extensa filmografía, onde destacan especialmente as comedias, atópanse títulos como La legión del silencio (codirixida con Nieves Conde en 1955), Embajadores en el infierno (1956), Amanecer Puerta Oscura (1957), Maribel y la extraña familia (1960), Atraco a las tres (1962) e Tengo 17 años (1964), entre outros.
Nos 80, realizou varias series para televisión: El español y los siete pecados, Ramón y Cajal, etc.
En 1995, poucos meses antes da súa morte, Forqué recibiu o Goya de honra pola súa traxectoria. Un ano despois, EGEDA creou os premios José María Forqué, para honrar a figura do que fora o primeiro presidente de dita entidade.
Como curiosidade, hai que mencionar que José María Forqué era o pai da actriz Verónica Forqué e do director Álvaro Forqué.

José María Forqué coa súa filla, a actriz Verónica Forqué, tras recibir o Goya de honra


Ademais das películas de Bardem e Forqué, en 1957 os espectadores ribadenses tamén tiveron a ocasión de ver filmes doutros directores como Pedro Lazaga.
Este cineasta sería máis coñecido nas décadas dos 60 e 70 por dirixir filmes como Sor Citroën (1967), Vente a Alemania, Pepe (1971) ou ¡Vaya par de gemelos! (1978), entre moitas outras.