miércoles, 8 de abril de 2020

Os clásicos da Semana Santa nos cines ribadenses

Para algúns a Semana Santa é tempo de vacacións, torrijas, procesións e películas, xa convertidas en clásicos destas datas ao repetirse ano tras a ano na televisión.
Entre estes filmes típicos da Semana Santa atópanse títulos como Ben-Hur, Quo Vadis?, La túnica sagrada, Marcelino, pan y vino, etc.

Moitas destas películas caracterízanse por ser superproducións da etapa dourada de Hollywood, con grandes orzamentos e decorados impoñentes, como é o caso de Ben-Hur (1959), ambientada na Antiga Roma (ano 30 d.C.) e que se proxectou nos cines ribadenses en numerosas ocasións.

30.12.1962
26.07.1964
26.08.1973

Outra das características principais destes filmes épicos que ocupan a grella televisiva nestes días é que se trata de péplums, é dicir, cine histórico, de aventuras e ambientado na antiga Roma ou Grecia.



Quo Vadis? (1951) é un dos péplums máis recordados da historia do cine e proxectouse no Teatro nos anos 50.

07.08.1955
31.07.1955

Espartaco (1960), protagonizada por Kirk Douglas, tamén é un exemplo de péplum recorrente na Semana Santa das canles televisivas españolas.

24.11.1963
01.12.1963

Outro coñecido péplum é La túnica sagrada (1953), primeira película estreada en Cinemascope (aínda que non a primeira en rodarse, como podes recordar aquí). Nela, ademais de aparecer a crucifixión de Cristo, están presentes outros personaxes bíblicos como o apóstolo Pedro.

15.01.1956
20.07.1958

Tratándose da Semana Santa, conmemoración cristiá da Paixón de Cristo, é dicir, a entrada a Xerusalén, a última cea, o via crucis, a morte e a resurrección de Cristo, non é de estrañar que moitas das películas típicas desta época sexan de temática bíblica e narren pasaxes relacionadas con personaxes como Xesús, a Virxe María, os apóstolos, etc.


Este é o caso de Los diez mandamientos (1956), que mostra as aventuras de Moisés, escollido por Deus para guiar ao seu pobo e ao que lle entregou a táboa dos mandamentos.

31.07.1960

21.08.1960 
28.08.1960
04.09.1960

Tamén é o caso de Barrabás (1962), filme italiano que se centra neste personaxe bíblico indultado por Poncio Pilatos en lugar de Xesucristo, que foi condenado e crucificado.

11.04.1965

Outro exemplo claro é Rey de Reyes (1961), baseada na vida de Xesús e que se proxectou no cine Teatro en 1965.

14.03.1965


Marcelino, pan y vino (1954) é un clásico do cine relixioso español de 1954 e narra a historia de Marcelino, un neno que fala cun Cristo crucificado que se atopa no faiado do mosteiro no que vive.

04.09.1955


Na programación destas datas tamén se atopan algúns títulos que teñen lugar en épocas máis recentes, como Las sandalias del pescador (1968), ambientada no Vaticano e coa Guerra Fría como telón de fondo.

29.03.1960


Estes son só algúns exemplos e cabe destacar que hai filmes máis recentes que tamén comezan a abrirse un oco entre os clásicos cinematográficos da Semana Santa, como La Pasión de Cristo, La vida de Brian ou El príncipe de Egipto.


Agora queda esperar e comprobar cantas destas películas emiten as canles de televisión nesta Semana Santa de confinamento.