sábado, 6 de marzo de 2021

As películas da 35º edición dos Goya en cines Ribadeo

Hoxe, 6 de marzo de 2021, celébrase a 35º edición dos premios Goya, outorgados pola Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España.


A gala, presentada por María Casado e Antonio Banderas, terá lugar no Teatro Soho de Málaga, pero a diferenza doutros anos, nesta ocasión combinará o formato presencial co telemático, debido á pandemia do COVID-19. A cerimonia, que non contará coa presenza de público nin dos nominados, poderá seguirse a partir das 22h en Televisión Española. 

Este ano, as nominadas a mellor película son: Adú, Ane, La boda de Rosa, Las niñas e Sentimental


Adú foi o único destes filmes que puido verse en Cines Ribadeo, antes do seu peche en marzo de 2020:

20.02.20 (La Voz de Galicia)

Na categoría de mellor película de animación tan só hai unha nominada: La gallina turuleca, que se proxectou no cine da nosa vila en xaneiro do ano pasado:

24.01.20 (La Voz de Galicia)

O Goya de Honra desta edición é para Ángela Molina, un dos rostros máis representativos do cine da Transición. 


A actriz, que pertence a unha coñecida saga de artistas, debutou coa película No matarás (1974, César Fernández Ardavín), proxectada no cine Teatro en 1976.

09.05.1976 (La Comarca del Eo)

Ademais de participar nun gran número de películas tanto en España como noutros países, Ángela Molina tamén continúa traballando en teatro e televisión.

Entre a súa filmografía atópanse obras dalgúns directores tan destacados como Luis Buñuel, José Luis Borau, Bigas Luna e Pedro Almodóvar, entre outros moitos.