miércoles, 18 de enero de 2012

O cine Galaxia

O 27 de xaneiro de 1934, José Morán Otero solicitoulle ao Concello permiso para abrir un salón de cine no seu local da rúa Ramón González, enfronte á Praza de Abastos.
O local contaba con 3 portas na fachada que abrían cara fóra: unha principal de 2'7 metros e dúas laterais. Ademais, a porta de servizo tiña instalación de auga con dúas mangas.
Como se indica na solicitude, asinada polo alcalde en xaneiro de 1934, o local "está ben construido e ben acondicionado para o salón de cine, reunindo polo tanto as debidas condicións de seguridade".
Neste mesmo documento, figura un Certificado médico oficial do Colexio de Lugo, no que se indica que o salón ten a altura de teito e ventilación suficientes, que conta con dous retretes de sifón con auga corrente e que ten as condicións hixiénico-sanitarias axeitadas.


O cine Galaxia, que nos seus inicios se coñeceu como o salón de cine sonoro Morán, abriu as súas portas o 22 de novembro de 1934, da man de José Morán e Constantino Fernández Cancio.

20/01/1934 (Las Riberas del Eo)
17/11/1934 (Las Riberas del Eo)


En 1935, as proxeccións deste cine seguiron anunciándose na prensa baixo o título "Cine sonoro", sen precisar o nome do salón no que tiñan lugar.

O Galaxia como tal estivo en funcionamento entre 1935 e 1938, segundo datos recollidos en xornais locais, e grazas aos anuncios da prensa tamén se ten constancia de que a tempada neste cine inaugurábase a principios de setembro.


05/09/1937 (La comarca del Eo)
05/09/1937 (La comarca del Eo)

Este é o cine menos coñecido para a maioría dos ribadenses, xa que na actualidade non conserva a súa forma orixinal, senón que alberga o almacén da ferretería Morán.



Solar onde se atopaba o Galaxia