jueves, 19 de enero de 2012

O cine Teatro

En 1844, o Concello de Ribadeo cede o uso da Casa Fábrica á Sociedade Filantrópico Dramática, creada en 1835, para convertela en teatro.
Este novo edificio medía “trece varas de longo, once de fondo e cinco e tercia de alto, tendo o piso terreo, o teito a texavana, con moitas goteiras e as madeiras podres...”.

Uns anos despois, o Teatro foi ampliado e reformado, reunindo as características habituais daquela época e cun esquema básico igual ao que presenta na actualidade: entrada, sala, escenario e camerinos.
Ademais, o edificio consta de dúas plantas con cuberta a dúas augas. Verticalmente, a fachada está dividida en tres partes, separadas por pilastras que se prolongan desde o chan ata a cornixa e que son representativas das sucesivas ampliacións que foi sufrindo o inmoble.
Nestes primeiros anos, nel tiveron lugar numerosas representacións teatrais e bailes, principalmente.

O 15 de abril de 1912, José María Díaz Villamil e Constantino Manuel Fernández, arrendatarios do Teatro, solicitan no Concello permiso para construir “un camarín para proxectar cine no Teatro”.
Nos anos seguintes, as instalacións continúan sendo escenario de bailes e funcións teatrais, pero tamén empezan a funcionar como cine.

En 1936, faise cargo do Teatro Manuel Lens Ucar, que realiza unha importante reforma no edificio. Elimínanse os palcos da planta baixa e modifícase o chan. É dicir, convértese nunha sala de proxección máis que de representacións teatrais.


01/02/1936 (Las Riberas del Eo)
O inmoble mantívose así ata que pasou a mans da empresa Fraga, responsable da maior reforma interior do edificio. A primeira planta pasou de ter forma curva a ser recta de lado a lado, polo que se eliminou calquera parecido co interior orixinal do Teatro.
Interior do Teatro antes da reforma
(Foto: El Teatro de Ribadeo. Ernesto Cruzado)
Despois de permanecer uns anos pechado e tras varias reformas no interior, o Teatro é inaugurado de novo en setembro de 1971 , de mans da empresa de espectáculos Celta.



19/09/1971 (La comarca del Eo)

No ano 2000, Jesús Pérez, socio de Gaper Cines, é o encargado de xestionar o cine.

Nesta época, o Cine Teatro conta cun aforo de 464 localidades, repartidas entre o patio de butacas e o palco, e cunha maquinaria de proxección da marca OSSA.


Foto: Cines de Galicia

O 27 de maio de 2003, o Cine Teatro de Ribadeo pecha as súas portas, coa proxección da película Este cuerpo no es el mío, dirixida por Tom Brady.
Ata ese momento, este cine era o máis antigo da provincia de Lugo que aínda permanecía aberto.

Nese mesmo ano, anúnciase o peche definitivo do cine co fin de ser reconvertido en auditorio:




En xaneiro de 2004, o Concello de Ribadeo manifesta que pagará 66.000 euros aos antigos arrendatarios do Cine Teatro para adquirir o seu mobiliario, o proxector e o que equipo de son, con fin de transformalo nun auditorio municipal.

Posteriormente, no ano 2007, lévanse a cabo algunhas reformas no exterior do edificio: píntase a fachada e elimínanse as caixas onde se colocaban os carteis da película e o letreiro situado enriba da porta.


Antes da reforma
(Foto: Ribadeando)
Despois da reforma
Interior do Teatro na actualidade
(Foto: Google)

Na actualidade, o Teatro de Ribadeo permanece pechado e as súas portas tan só se abren esporádicamente para albergar coloquios, conferencias, determinados actos e proxeccións. Por exemplo, en xaneiro de 2009, o Cine Teatro vestiuse de gala para acoller a estrea nacional do filme Os mortos van á presa, de Ángel de la Cruz.


Estrea de Os mortos van á presa, de Ángel de la Cruz
(Foto: La Voz de Galicia)
NOTA: Datos extraídos do artigo El teatro de Ribadeo, de Ernesto Cruzado Estévez