miércoles, 6 de junio de 2012

2007: III Festival de curtas ON&OFF

En 2007, Mr Misto Films e o Concello de Ribadeo organizaron o III Festival de curtas ON&OFF, que tivo lugar do 1 ao 5 de agosto.


Na sección oficial, máis de 40 curtas foron seleccionadas e agrupadas en distintos paquetes (ficción 1, ficción 2, ficción 3, ficción 4, documental-experimental e animación) para ser proxectadas por varios puntos de Ribadeo: no Cantón, no cine Teatro, na zona vella, etc.

Por segundo ano, convocouse o certame de curtas A toda mecha.
Os medios necesarios para levar a cabo os proxectos foron facilitados pola organización e os participantes contaron cun máximo de 60 horas para realizar os seus traballos.
O tema das curtas era libre e tan só tiñan que incluír un elemento de atrezzo e unha localización indicadas pola organización nun sobre pechado, para asegurarse de que as gravacións se realizaban durante o festival e non previamente.
Nesta edición houbo un único premio de 3000€, outorgado por un xurado composto por profesionais do audiovisual.


As curtametraxes realizadas en A toda mecha 2007 foron:
Límite 12 horas, Love is in the air, A miña herdanza, O talento do señor Carrack, Miguelito, Operación Cantón, Espera, La calle es tuya, Case sempre, Sen escrúpulos, Da compra á cesta, Freak Paradise, O tren da vida, O suso e Os quitadores de ferro.

Neste enlace pódense ver todas as pezas de A toda mecha

No ON&OFF 2007, os directores convidados a gravar curtas en Ribadeo foron:
   - Javier e Kike Prada con Mariñeiro
   - Jairo Iglesias con 1936.Ribadeo (Do que xa falamos neste blog)
   - Alber Ponte con No tardes

(Para ver as curtas só hai que pinchar no seu título)


Rodaxe de No tardes, de Alber Ponte

Un ano máis, no marco do festival celebráronse numerosas actividades paralelas, como por exemplo, os encontros con profesionais do sector como Susana Rei, Jairo Iglesias e os irmáns Prada. Tamén houbo un coloquio sobre o cine de animación.

Tampouco faltaron as proxeccións, entre as que destacan a de De profundis e Carne de canón en Rinlo ou a de O ceo do súper 8 no Cantón.

Unha das novidades do ON&OFF 2007 foron os concursos Curtas de peto e Perspectiva allea.
O primeiro deles invitaba á xente a realizar pequenas gravacións con teléfonos móbiles ou cámaras, que se podían recoller nas carpas colocadas polos organizadores.
Pola súa parte, Perspectiva allea estaba dirixido a persoas non censadas en Ribadeo e animábaos a fotografar a vila e o ambiente do festival.


A gala de clausura estivo presentada pola actriz Rosalía Quelle e contou coa actuación do grupo The Ellas, liderado por Luis Tosar.
Durante o acto proxectáronse as curtas realizadas por Jairo Iglesias, Alber Ponte e os irmáns Prada.
Por suposto, tamén se fixo a entrega de premios e os gañadores foron:
   - Misto de Ouro na categoría de ficción para La gran revelación, de Santiago de Lucas.
   - Misto de Ouro na categoría de documental para Cousas do Kulechov, de Susana Rei.
   - Misto de Ouro na categoría de animación para Carne de canón, de Darío Fernández Ignacio.
   - Misto de Cera a toda unha carreira na curtametraxe para Alber Ponte.
   - Misto de Pau de A toda mecha para Sen escrúpulos, de Carlos Seijo.






E un ano despois, en 2008, chegaría a IV edición do festival ON&OFF de Ribadeo...